Unha semana antes do terremoto de Xapón, Monk Turner (preservamos o segredo do seu nome real) lanzaba xunto coa espectacular cantante Alanna Lin o seu disco "Emergency Songs", un feixe de cancións para o antes (before), durante (during) e after (despois) do Big One, o terremoto que algún día vai facer escachar California. Conversamos con el sobre a súa música e outras cousas ben interesantes.
Días despois, estudantes da universidade de Handong (Corea do Sur), elaboraron un video chamado "We love Japan" coa canción Start again, que pecha o album. Thank you, Monk!(duración: 44'55'')
Hoxe entrevistamos a Guillermo Farré, alma mater de Wild Honey. Falamos do seu primeiro LP Epic handshakes and a bear hug, do seu especial xeito de distribuilo e da cuestión das licenzas de publicación e o hermetismo da SGAE respecto das licenzas Creative Commons.
A foto que ilustra o episodio de hoxe é de Pablo Serret, quen tamén deseñou a espectacular portada do disco de Wild Honey. (40m42s)
Entrevista a Carlos Barreiro, xornalista musical (Rock de Luxe, Rolling Stone, Fly Music, Sol Música, Público...). Falamos dos novos xeitos de distribución da música e dos rebiricos da relación entre os medios, os músicos e unha industria algo desorientada cos cambios que trouxo consigo a internet. (43'45'')
Cun pouco de demora (desculpas) traemos a entrevista a b fachada, que realizamos no pasado mes de xuño no Porto, no Contagiarte. Participa na entrevista, preguntando, o amigo Isaac González condutor de Radioceánica, na Radio Galega Música. Tamén soa unha promo do podcast canario Doramas, que fala coma nós de músicas libres, e que presenta Miguel Acín.
A foto tomeina de Vera Marmelo. Obrigado a todos.
Hoxe traemos a primeira das entrevistas que realizamos o pasado 5 de xuño en Porto, aproveitando o concerto duplo que deran no Contagiarte: b (fachada) e noiserv.
David Santos, noiserv, falou con nós da súa música, da netlabel Merzbau (que o deu a coñecer) e da música como xeito de expresión máis que como negocio. Nos seus directos toca varios instrumentos a un tempo mentres por detrás del, nunha pantalla, van aparecendo os debuxos que a súa prima Diana vai realizando tamén ao vivo. Ela ilustrou tamén o seu primeiro disco, One Hundred Miles From Thoughtlessness. A foto que ilustra esta emisión é de Adriana Boiça Silva.
Levabamos xa tempo detrás dos Nouvelle Cuisine para que nos falasen do seu último disco "de memoria"; aproveitamos que van tocar o 1 de maio no Festival do Norte para entrevistar a Carlos Lens, baterista da banda. Descúbrenos as sorprendentes aventuras e desventuras de sacar un disco fóra da "industria" (a entrevista fíxose na terraza do bar As Dúas, onde non é raro escoitar as músicas recollidas nas escolmas de C'mmons baby! ao tempo que comedes unha das súas fabulosas tostas).
Tamén temos unha pequena lembranza para o 25 de abril portugués, e despedimos ao netlabel Merzbau. Rematamos cun disco dos Keyboard Rebel (baixo o alcume de Slope) que fixeron alá atrás en apenas 24 horas pechados nun cuarto.
Emisión dedicada en exclusiva á 2º edición do certame de creación de canción popular A Coruña Son, organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña, en colaboración coa Deputación da Coruña e co apoio da Radio Galega.
Para falarnos sobre o tema entrevistamos a Tati Mancebo, de Algueirada, promotora do certame.
Nesta nova emisión achegamos un resumo da longa conversa que botamos o pasado verán con Mike Cobb, cantante e líder dos Crevulators, establecido en NY e, cousas veredes, casado cunha galega. Let's rock'n'roll!
Hoxe C'mmons baby! torna internacional cunha entrevista alén mar; viaxamos até Brasil para falar con Jamila Maia, cantante dos Mahalab (São Paulo), que lanzaran hai pouco o seu terceiro disco sob licenzas creative commons na jamendo.com. Unha conversa muito gostosa, onde descubrimos que se cadra a música pode transformar o mundo.
Con algún día de atraso traemos unha estensa e interesante entrevista con Carlos Valcárcel, alma nai de Projecto Mourente, que hai poucas semanas lanzou o seu segundo disco: Kara.o.ke. Maravillosa conversa de case de dúas horas, que resumimos á metade con cancións engadidas, para descubrirmos algúns dos segredos da produción deste agardado lanzamento e algunhas curiosidades e revelacións deste grande artista amador. Abrimos tamén un concurso!! Sorteamos un cd de Kara.o.ke asinado polo propio Carlos Valcárcel entre todos os que respondan correctamente á pregunta: Que é e onde está Mourente? Enviainos un correo-e coa resposta antes do 1 de xullo (e para que vexades que somos bos, imos axudarvos cunha pista, que podedes atopar aquí.)
Desculpai o ruido de fondo que metían uns alumnos que preparaban un traballo deixado para última hora nas mesas do lado. Outras veces que pasamos por El nido del cuco non había tanto balbordo. Agardamos ter mellor son noutras entrevista.
Eis a continuación da entrevista feita a Noel Feáns nos días pasados. Nesta segunda parte falamos tamén do caixón non-musical da Regueifa; de Fanny e Alexander, o dúo musical que Noel desenvolve xunto con Efi Arias; e da revista en liña Sono-Tone. Acompañan a conversa cancións dos últimos lanzamentos do netlabel, Vale Tudo e Ataque Escampe, un tema do segundo disco de Fanny e Alexander e rematamos cos brasileiros Luisa Mandou um beijo.
Estreamos nova xeira en C'mmons baby! (emitindo xa en galego) coa primeira parte da entrevista que lle fixemos hai uns días a Noel Feáns, rexedor de A Regueifa Plataforma, netlabel sobranceiro da escea musical galega, e algo máis. A conversa, gravada no pub Bolengo Pop, de case unha hora dividímola en dúas partes para facelo máis ameno; a segunda parte chegará na vindeira fin de semana. Estas dúas emisións van ser algo máis extensas dos 20-25 minutos que adoita durar C'mmons baby! e a calidade da gravación non é moi alá, mas consideramos que con todo paga a pena a entrevista. A música póñena dous dos últimos lanzamentos da Regueifa e un dos seus grandes descubrimentos.