Regresamos despois da nosa viaxe por Arxentina endemoniados cun novo disco libre dos Nine Inch Nails; descubrimos aos portugueses Les Triple, presentamos o terceiro disco de Mahalab, un trio de São Paulo que buscar curar o mundo coa música; traemos un novo netlabel especializado no jazz e a súa primeira referencia: Surpriscording do saxofonista Hugo Droopy Contini; e despedímonos cunha banda belga, Papa Dada, que topamos grazas ao podcast Eclectia.
Estamos de volta!
Despois da estrea en Radio Oceánica (obrigado Sak) regresamos para viaxar, desta vez si, até a Arxentina. Primeira achega especial a un país cheo de músicas diversas e mergullado tamén no conflito do cánon dixital. Deitamos pistas que vos servirán para iniciarvos nos hetereoxéneos camiños da música baixo licenzas abertas na terra berce do tango.
Foi todo súpeto, nin o sospeitaba, mas é un feito.
A partir deste domingo 4 de maio, e unha vez cada seis semanas, vou colaborar no programa Radio Oceánica da Radio Galega Música, onde falarei principalmente de músicas publicadas baixo licenzas abertas. Podedes escoitalo ás 22:00 h. (GMT +01:00), ben pola radio, ou ben pola rede, ou despois cando queirades aquí, calcando en Horario e gravacións.
Quero aproveitar esta notiña para darlle as grazas a Sak por pensar en min para isto, e tamén a todos os que escoitades C'mmons baby! por estar aí e animarme a seguir. Graciñas, de corazón.
Queriamos ter viaxado hoxe até a Arxentina, mas non chegaron en tempo as reservas. Por tanto, imos improvisar un c'mmons baby! con cancións para namorar, escachar, aspirar, sentir, beber e nincompoopear.
Os luns adoitan ser días treboentos e fodidos, comeza a semana e hai que traballar...
A lúa alúa e fainos tolear, mais tamén é certo que preto da tolemia é onde se acha a inspiración. Sube ao noso foguete espacial, despegamos!
Dicimos bachibozuk e jamacuco por causa dun xeito de meme podcasteiro lanzado por Dani Aragay que nos pasaron os rapaces de Sounds OK, e nós despexamos de puños cara emilcar, porque dixo que a promo que lle gravamos para Pataca minuta era espantosa. Os palabrejos que terá el que dicir son: viva e pataca.
Con atraso, por causa de problemas de saúde (nada grave), chegamos cun c'mmons baby! especial dedicado ao recentemente falecido home-orquestra John Balan e ás novidades do panorama musical libre galego. É tamén máis longo do común, aínda que andamos cismando en facelo desta nova duración próxima aos 30 minutos para ter máis tempo para a música. Desculpai a voz algo tomada e tristeira, cousa do catarro.
Damos aviso do chamado que fan Fuzquenlla e Esquíos aos grupos galegos autoeditados para asociarse e facer forza común á marxe dos circuítos comerciais e a SGAE.
Falamos do novo disco d'Os Chiquilicuatres distribuido nun pendrive, e do resultado do certame A Coruña Son '08.
Queremos aproveitar para lembrar que temos abertas as portas aos artistas que publiquen baixo licenzas libres para axudalos, no que poidamos, a espallar a súa música; quen queira contactar con nós pode facelo en ictioscopio[arroba]gmail[ponto]com ou deixando un comentario no blog.
Pequeno abrazo tamén, e agarimo, para a amiga Lourixe, que perdeu días atrás ao seu pai ...abraços e beijinhos e carinhos sem ter fim.
Despois dos especiais regueifeiros, retomamos o fío e a nosa frecuencia cotiá de saír cada quince días. Foron días estes de moito movemento na música licenciada baixo copyleft, falamos o mínimo necesario para contar o máis sobranceiro. Agradecemos ao selo Unique Records da Franza a súa amabilidade e bo trato e falamos da súa iniciativa de agasallar cun compilado CD + DVD conmemorativo dos seus 5 anos de traballo pola compra dalgún dos seus paquetes en promoción. Tamén viaxamos até Arxentina para presentarvos dous dos máis recentes lanzamentos dese país tan achegado a nós. Despois, retornamos á península, ao irmán Portugal, para presentarvos unha faixa muito fixe que nos traen os mozos da caravana, dous lisboetas que cantan en inglés.
Non esquezades ir votar!